O centro conta con 144 investigadoras e investigadores que desenvolven a súa actividade en 16 grupos de investigación, estruturados para cubrir de maneira coordinada as principais liñas da investigación mariña interdisciplinar, favorecendo a colaboración científica, a transferencia de coñecemento e a xeración de resultados con impacto académico, social e territorial.
A pertenza do CIM ao Campus do Mar e a European Marine Biological Resource Centre (EMBRC), a través da ECIMAT, constitúe o eixo principal das súas alianzas estratéxicas. Como coordinador do Campus do Mar, o CIM participa activamente en iniciativas de cooperación transfronteiriza e na articulación dunha comunidade investigadora que integra universidades, centros tecnolóxicos e axentes do sector mariño de Galicia e do norte de Portugal.
A súa integración en EMBRC, a única infraestrutura europea de investigación dedicada á bioloxía e á ecoloxía mariña, reforza ademais acceso a organismos e ecosistemas mariños, instalacións experimentais, plataformas tecnolóxicas e servizos científicos avanzados. EMBRC conta con máis de 80 estacións mariñas e institutos de investigación en 10 países europeos.
O persoal do CIM participa activamente en numerosas redes internacionais, entre elas EMO-BON, EuBioNet, EBRN, WECANet COST Action, IAMRI, EuChemS-DAC, Alien Species Network, European Ecological Federation, ECOMAR ou CIAC.
O centro tamén forma parte de redes mariñas de gran relevancia como MARS e IAMRI, e contribúe a iniciativas europeas como o European Marine Board e Euromarine. Nos últimos meses, o CIM incorporouse á EU4Ocean Platform e integrou os datos da iniciativa EMO-BON en EMODnet, reforzando o seu papel na observación e alfabetización oceánica en Europa.
Co obxectivo de compartir experiencias e establecer novas sinerxías nun ambiente relaxado, organízanse os encontros Somos CIM. Estas reunións son espazos onde o persoal de diferentes áreas se reúne para colaborar, compartindo dinámicas de financiamento, conceptualización ou xeración de proxectos.
É a asemblea anual interna do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo. Trátase dun foro que reúne a todo o persoal investigador do centro para presentar avances científicos, compartir experiencias, debater retos comúns e fortalecer a colaboración interdisciplinaria arredor da investigación mariña.
O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo lanza a Convocatoria de Proxectos de Investigación CIM-PosDou 2026, unha oportunidade deseñada para fortalecer a carreira investigadora dos científicos e científicas posdoutorais do Centro. Esta iniciativa subliña o compromiso do CIM coa xeración de coñecemento de impacto, a innovación e a multidisciplinariedade no ámbito da investigación mariña.