Leonardo da Vinci

Leonardo da Vinci

Pintor, debuxante, escultor, enxeñeiro, arquitecto, músico, filósofo e inventor. En 1469 entrou no taller de A. Verrochio en Florencia, onde colaborou no Battesimo di Cristo e na Annunziazione (1474). No retrato de Ginevra Benci (1478-1479), na Adorazione dei Magi, inacabado (1481), e en San Girolamo (1482) plasmou os seus estudios sobre os efectos de luz e utilizou o sfumato ou fusión da luz e da sombra. En 1480, ao servizo de Luís I de Milán, fixo algúns proxectos arquitectónicos, unha escultura de Francesco Sforza, e pintou o retrato de Cecilia Gallerani, a Vergine delle rocce (1483-1493) e a Ultima Cena (1499) para o convento de Santa Maria delle Grazie. En 1499, ao ser ocupado Milán polos franceses, foi a Mantua, onde fixo o retrato de Isabella d’ Este, a Venecia e a Florencia, onde ata 1506 traballou no fresco da Bataglia d’Anghiari para o Palazzo Vecchio, fixo o cartón para Sant’Anna (1501) e pintou a Gioconda (1503) e Leda e il cigno, obra que se coñece a través de copias. De novo en Milán, consagrouse especialmente ao monumento a Trivulcio, condottiere de Luís XII de Francia e en Roma iniciou o seu Trattato della pittura (publicado en 1561). Como matemático, interesouse especialmente polos problemas que podía resolver con métodos xeométricos, descubertos case sempre por camiños empíricos. Coñecedor indirecto da obra de Arquímedes, descubriu a maneira de atopar o centro de gravidade da Pirámide e as transformacións recíprocas dos corpos sólidos. Como astrónomo, a súa concepción cosmolóxica anunciaba a de Copérnico. Escribiu moito sobre mecánica e aceptou as nocións fundamentais da estática aristotélica e baseou a súa dinámica sobre o concepto medieval do impetus. Estudiou o movemento dos proxectís, a caída dos sólidos e o choque ou percusión entre eles, e enunciou o principio da acción e da reacción. Foi un dos creadores da hidrodinámica e fixo unha explicación dinámica do relevo terrestre, considerando a erosión pluvial e eólica e a sedimentación. Interesouse polos fósiles, así como por toda clase de restos de animais, que utilizou en estudios de anatomía comparada. O seu interese básico pola anatomía humana induciuno a practicar moitas diseccións, e cos bosquexos obtidos quixo ilustrar un monumental tratado de anatomía humana, que quedou incompleto e inédito. Acadou outros proxectos científicos de utilidade máis inmediata, como a construción de máquinas de guerra e de aparatos destinados á investigación -higrómetros e anemómetros-. A recompilación e a transcrición de notas manuscritas que Leonardo dedicou aos temas científicos non se fixeron ata o s XIX. Na actualidade existen coidadas edicións dos primitivos Cadernos, como a de McCurdy ou a de Uccelli.

Cronoloxía

  • Deceso

    Lugar : Le Clos

  • Nacemento

    Lugar : Vinci, Toscana

  • Deceso

    Lugar : Lucé, Amboise