A Universidade da Coruña deixa de publicar na rede social X en defensa dos seus valores institucionais

Nota de prensa

31/01/25 8:00

  • Institucional
  • A decisión responde a unha deriva que contradí os principios de igualdade, respecto e diálogo promovidos pola institución académica. 

A Coruña, 31 de xaneiro de 2025.- A Universidade da Coruña (UDC) anunciou a súa decisión de suspender a actividade oficial na rede social X (anteriormente coñecida como Twitter) a partir de mañá sábado, día 1 de febreiro. Esta medida, adoptada polo Equipo de Goberno da UDC en sintonía coa CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas), reflicte o compromiso institucional de promover un espazo dixital respectuoso e inclusivo.

A decisión foi tomada tras unha análise exhaustiva, que tivo en conta tanto o impacto desta acción na comunicación institucional como o aumento significativo de discursos de odio, desinformación e polarización na devandita plataforma, comportamentos que contradín os valores fundamentais da UDC.

La UDC súmase así ao camiño que xa tomaron outras universidades e institucións, representantes gubernamentais, medios de comunicación e outros profesionais.

 

Unha medida fundamentada nos principios da UDC

O Equipo Reitoral subliñou que a igualdade, o respecto e o diálogo constitúen piares esenciais da institución académica. Estes principios foron determinantes para a adopción dunha decisión complexa, que supón a perda dunha importante canle de comunicación cunha ampla comunidade, xa que na actualizade a institución educativa conta con preto de 37.000 seguidores nesta rede. Desde hoxe, a UDC cesará a publicación de contidos e a interacción en X, centrando a súa actividade en plataformas que se aliñen cos seus valores institucionais.

 

Un futuro dixital sostible e responsable

De cara ao futuro, a Universidade concentrará a súa presenza en redes sociais que promovan a responsabilidade social, o diálogo e o respecto. O obxectivo é continuar garantindo unha comunicación efectiva coas comunidades universitaria e cidadá, consolidando ao mesmo tempo unha contorna dixital acorde cos valores institucionais.

A rede social alternativa de microblogging que utilizará desde agora a UDC será Bluesky, a través da súa conta oficial @udc.gal, creada recentemente e que xa está a funcionar informando das últimas novas da institución.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC